Manifesto da Concentración do día 12

Hoxe, o estudantado da USC, xunto co estudantado de Ourense, decidimos concentrarnos na porta da Facultade de Xeografía e Historia para reivindicar un ensino digno para o estudantado galego, un ensino que día a día está a sufrir máis ataques dende os gobernos do Partido Popular.

Nos últimos meses vimos como se aceleraba o proceso de mercantilización da Universidade pública, levando a cabo reformas que buscan equipararnos á Universidade privada, creando centros de formación para elites esquecendo totalmente a misión de redistribución social que é inherente ao Ensino Superior.

Vemos como se reducen as bolsas en máis dun 12%, ao mesmo tempo que se endurecen as condicións para poder acceder a elas. Será preciso un 6 de nota media para poder acceder ás bolsas-salario, e para mantela será precisa unha taxa de éxito do 100%. Ao mesmo tempo, para o resto de bolsas será preciso máis dun 5.5 e un 90% de materias aprobadas para continuar percibindo a axuda.

No caso dos masters, será preciso máis dun 6.5 para poder ter beca.

Vemos como o Partido Popular non ten intención de crear outro modelo produtivo e renuncia a potenciar sectores de alto valor engadido, cunha redución de máis do 35% ás partidas en investigación e un descenso de máis de 600 millóns de € no Ministerio de Educación e Ciencia.

Sen dúbida, un dos grandes ataques que estamos a sufrir é o brutal incremento dos prezos públicos a través dos cales accedemos á Universidade: no vindeiro ano deberemos pagar até un 66% máis na nosa matrícula, e até un 180% en sucesivas matrículas. Iso quere dicir que haberá matrículas de até 6.000€, e unha matrícula promedio custará aproximadamente o doble no curso 2012/2013

Este modelo educativo non nos gusta: non queremos unha taxa de reposición cero onde non se cubran nin as vacantes por xubilación. Non queremos aulas masificadas con máis de 50 alumnos nas supostas “interactivas”. Non queremos que desaparezan carreiras con menos de 50 alumnos por non ser “rendíbeis” económicamente, pois aspiramos a unha formación integral e baseada en criterios sociais. Non queremos que se ataque á autonomía universitaria para fixar obxectivos de déficit que limitarán a capacidade de captación de recursos para investigación. Non queremos unha crecente precarización do ensino, nin queremos ter que endebedarnos para poder estudar.

Queremos un ensino público e de calidade, cunhas condicións dignas para o estudantado e que permita ás maiorías sociais acceder á Universidade sen condicionamentos económicos, un ensino que beneficie á redistribución e ao conxunto da sociedade, e non simplemente a intereses privados.

Por iso, esiximos ao goberno do Estado a non aplicación do Real Decreto 14/2012 e a conxelación das taxas universitarias.

Non á suba das taxas!

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s